Sunday 28 de April de 2024

O Teatro Rosalía acolle este martes o concerto do clarinetista Joan Enric Lluna, acompañado pola Orquestra de Cámara Galega


O espectáculo comezará ás 20.00 horas. En virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscara para os asistentes

Este martes, 25 de xaneiro, o Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas á cidadanía para dar continuidade ao Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña.

Despois do concerto da pianista Chelsea Guo, que abriu a programación do ciclo para este primeiro trimestre do ano, mañá será o momento do clarinetista e director valenciano Joan Enric Lluna, un músico polifacético comprometido coa música de cámara e recoñecido polo seu traballo con cuartetos como o Alexander, Tokio, Jerusalén, Brodsky ou Sine Nomine.

Lluna, que dirixe desde o ano 2009 o Festival Internacional ‘Residències de Música de Cambra’ en Godella (Valencia), estará acompañado no Teatro Rosalía pola Orquestra de Cámara Galega e o director Rogelio Groba Otero.

As entradas para asistir ao espectáculo, que comezará ás 20.00 horas, xa están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), cun prezo de 20 euros para o público xeral. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.